2018/02/28

Tres desexos. Figuras simétricas.

 Como cada venres, como non podía ser doutro xeito, cumprimos coa cita ineludible que temos no Salón. Na tarde dese 23 de febreiro o encargado de facernos de narrador (de luxo) foi Cristian. Fixo unha lectura e interpretación magníficas. Noraboa, compañeiro!







Xusto despois da lectura, o mestre Javier deunos unha lección básica de simetría. Dobrando un folio de papel axeitadamente e coa axuda dunhas tesoiras e moita creatividade, fomos creando figuras que gardaban a simetría grazas a uns certeiros cortes. Algunhas das figuras creadas saíron francamente belas. Que divertido!


















2018/02/21

Los inventos de Malvina. Crebacabezas Robótico.

Todos os mércores pola tarde é tempo de Salón. Nesta soleada tarde de febreiro reunímonos alí para poder continuar co ciclo de lecturas que estamos desenvolvendo desde o comezo de curso. Nesta ocasión foi a quenda de Lucía que realizou unha lectura de moita calidade baseándose nun orixinal de André Neves cuxo nome é en español Los inventos de Malvina. Malvina ten unha grande capacidade para crear cousas incribles. Entre os seus inventos hai un paraugas para non mollarse os zapatos, un banco móbil para non esperar de pé e unha máquina para tranquilizar a mente preocupada da nai. Pero o resultado deste último invento é terrible para ela. Por sorte, a nai encontrará a solución da maneira más sinxela, e é moito mellor do que tiña imaxinado. Unha historia alucinante que nos fixo vibrar coa emoción. Noraboa, Lucía!
























Unha vez rematada a fantástica lectura de Lucía, os nenos e nenas do colexio dividíronse en grupos: Uns para rematar a actividade pendente do Cómic Robótico e outros, as Minchiñas coa axuda dalgún neno e nena maiores, concretamente, comezaron a intentar resolver un quebracabezas do máis orixinal...













Corre, corre, cabaciña

Hoxe, día vinte e un do mes máis curto do ano, continuamos coas lecturas no noso Salón. Todas as semanas procuramos preparar as nosas interpretacións e para iso empregamos os libros fantásticos que temos nos recantos desta marabillosa estancia. Facémolo encantados porque sabemos o importante que é para nós ler a diario e por riba sempre o gozamos moito. Hoxe foi a quenda de Álvaro e de Sofía. Estes compañeiros de segundo curso léronnos con moita mestría un clásico xa dos nosos estantes. Un conto escrito por Eva Mejuto e André Letria titulado Corre, corre, cabaciña. O texto describe as peripecias dunha anciá que pretende ir á voda da súa neta cando é importunada por tres feras. Unha obra pertencente ao xénero da literatura infantil que sempre triunfa, igual que sempre triunfan os nosos relatores.







2018/02/20

El robot y la Luna



Como é sabido por todos vós, na nosa escola gozamos de moi bos narradores e narradoras entre os nenos e nenas, máis este non é só un mérito exclusivo do alumnado. Entre os mestres e mestras tamén contamos con fabulosos oradores e oradoras que co seu bo facer nos achegan ao mundo da fantasía. Este é o caso de Ana. Coa súa interpretación e cos matices da súa voz fíxonos vibrar coa historia creada por Rafael Estrada na que un robot industrial, moi aplicado e responsable nas tarefas asociadas ao mantemento, un día queda enfeitizado mirando para a lúa chea. Un conto moi entretido que, como soe acontecer, colle forza e misterio grazas ao ambiente que se logra crear no noso Salón.



2018/02/19

No, David. Brancaneves e os 77 ananiños. Un cómic robótico

Como ben sabedes, os nenos e nenas do CEIP de Présaras somos uns auténticos mestres nisto da narración. Nesta ocasión puidemos gozar da interpretación e lectura do conto No, David de David Shannon por parte de Noa e de Lorena. A historia narra as peripecias dun neno chamado David cuxo comportamento digamos que as veces non é o máis axeitado, para desesperación de súa nai. Non vos preocupedes que o conto ten un final feliz.





Pola tarde tivemos unha nova e emocionante lectura. Desta volta Iria, axudada polos seus compañeiros de clase, interpretounos unha peculiar versión do tradicional conto de Brancaneves. Setenta e sete ananos, nada máis e nada menos, convivían coa moza nun ambiente enrarecido pola morea de traballo que daban os ananos. Unha historia entretida e cun final, cando menos, sorprendente...




 

Despois de dúas magníficas lecturas e xa para dar remate a esta intensa xornada, traballamos un pouco o cómic robótico. Un formato atractivo para nós no que plasmar toda a nosa creatividade.