2018/01/31

Xornada de portas abertas coa actuación de Kalandraka


O venres pasado tivemos unha xornada moi especial no noso colexio. Cativos e cativas da bisbarra viñéronnos coñecer xunto cos seus pais e nais. Nós, pola nosa banda, fixémoslles unha presentación individualizada de cada un dos espazos e recunchos máxicos da nosa escola. Así pois, todos eles puideron coñecer os xogos que agochamos no pavillón interior, as distintas aulas da escola, o noso laboratorio, a aula de apoio, a cociña e o comedor e, por suposto, o noso salón. E esta só era a primeira das sorpresas que os agardaban...












Despois de deixarnos levar por uns guías de excepción como foron os nenos e nenas da aula das "minchis" e os nenos e nenas da clase de 1º e 2º, os rapaces e rapazas de todo o colexio brindámoslles unha mostra das nosas actuacións no salón aos invitados que esperamos que lles gustaran. Pero é que aínda houbo máis sorpresas...








Logo das actuacións, os nosos invitados puideron saborear as nosas rosquillas. E dicimos nosas porque si, fixémolas os nenos e nenas maiores do Ceip de Présaras coa inestimable colaboración da nosa cociñeira Carmen. E... non é que queiramos presumir pero quedáronnos moi saborosas. Non remataron aínda as sorpresas!

 

Para dar por finalizada unha xornada moi especial, chea de emocións e de moita actividade, Sara e Álex, contacontos de Kalandraka, tiveron a ben acompañarnos coa súa música e as súas máxicas narracións. Estes grandes artistas conseguiron crear momentos verdadeiramente divertidos que foron o fin de festa perfecto. Por todo iso, querémoslles dar as grazas a eles, aos mestres e a Carmen que nos axudaron, ás "minchis" e aos nenos e nenas de 1º e 2º polas esmeradas presentacións, a todos os que actuaron, e principalmente aos invitados, aos que queremos dicirlles tamén que foi un pracer coñecelos e que esperamos velos de novo polo centro moi axiña.




























Ningún comentario:

Publicar un comentario