2018/02/21

Corre, corre, cabaciña

Hoxe, día vinte e un do mes máis curto do ano, continuamos coas lecturas no noso Salón. Todas as semanas procuramos preparar as nosas interpretacións e para iso empregamos os libros fantásticos que temos nos recantos desta marabillosa estancia. Facémolo encantados porque sabemos o importante que é para nós ler a diario e por riba sempre o gozamos moito. Hoxe foi a quenda de Álvaro e de Sofía. Estes compañeiros de segundo curso léronnos con moita mestría un clásico xa dos nosos estantes. Un conto escrito por Eva Mejuto e André Letria titulado Corre, corre, cabaciña. O texto describe as peripecias dunha anciá que pretende ir á voda da súa neta cando é importunada por tres feras. Unha obra pertencente ao xénero da literatura infantil que sempre triunfa, igual que sempre triunfan os nosos relatores.







Ningún comentario:

Publicar un comentario