E rematamos o "Vísteme de versos" para este trimestre pechando o ciclo adicado a Antonio García Teijeiro e á súa obra "Petando nas portas de Dylan", e temos que dicir que o despedímolo cun poema duro interpretado á perfección polos nenos e nenas do 5º e 6º cursos. A obra fala da escravitude infantil e dos traballos que obrigan a facer a cativos moi pequenos, aínda hoxe, en moitas partes do mundo. Grazas a iso, comprendemos a importancia da educación como forma de fomentar o pensamento crítico e aqueles valores e saberes que abren portas a novas e mellores oportunidades. O poema baseábase no tema "Buckets of rain" do xenio americano e nas imaxes podedes ver rematado o noso libro ilustrado que fomos creando a medida que os nenos e nenas dos diferentes niveis nos ían interpretando o seu poema. Para xaneiro retomaremos esta actividade con novos autores e novas obras de seguro marabillosas.
2017/11/29
2017/11/27
Tarde de ábacos
Hoxe, no salón do CEIP de Présaras, pasamos a tarde mergullándonos no mundo dos ábacos. O mestre Javier Cartón contounos historias moi interesantes deste aparello de orixe incerto, aínda que se soe relacionar principalmente co pobo chino, e que foi empregado desde tempos inmemoriais por diversas culturas para os cálculos matemáticos. Como non podía ser doutro xeito, os nenos e nenas do noso colexio puidemos facer numerosos exercicios de cálculo ao tempo que gozabamos manipulando os ábacos. Nestas andabamos cando de súpeto... tilín, tilín tilín... a campaíña do trasno! O trasno deixáranos agachado en algures o saco dos regalos! De contado nos puxemos a buscar o saco pola escola e axiña o atopamos. E é que, modestia aparte, nós valiamos para detectives... Desta volta foron algúns nenos e nenas da clase das minchiñas os encargados de facer de mestres de cerimonias e mostrarnos aquelo co que nos agasallara o trasno. Unhas chapas fermosas cunhas mensaxes para ter moi en conta. En resumo, foi unha tarde de emocións fortes. Pasounos o tempo voando.
2017/11/24
Día contra a Violencia de Xénero
O 25 de novembro celebrase a nivel mundial o Día contra a Violencia de Xénero. Por este motivo hoxe,q no noso salón, falamos moito desta lacra que padecemos como sociedade e intentamos ver os efectos nocivos dos machismos e micromachismos cos que convivimos á diario e que as veces nin detectamos. Traballamos nesta problemática tamén polo feito de que cada vez en máis centros educativos, sobre todo nos institutos, se detectan máis casos deste tipo de violencia. Unha triste realidade contra a que hai que pelexar a diario todos xuntos con armas coma o respecto, a empatía, a solidariedade e o amor. Os nenos e nenas do CEIP de Présaras dicimos NON á violencia machista!
2017/11/22
Coñecendo os ordenadores
Despois da lectura de Christian, fomos co mestre Javier Cartón a descubrir un pouco máis sobre o funcionamento dun ordenador, e como foi evolucionando ao longo dos anos. Javier abriunos o aparello e falounos das súas entrañas e da función de cada parte do que se compón un ordenador, así como tamén nos mostrou discos, disquetes antigos e moitas cousas máis relacionadas coa cuestión. Foi unha tarde na que aprendemos moito sobre algo que empregamos día a día. Aparellos que nos son familiares pero aos que apenas coñecemos.